O altertraballo, unha nova forma de entender o traballo
3 de July de 2008 | Arquivado en: Compartindo, Cultura en rede
Como parte dunha nova liña de estudo, en busca de alternativas para unha nova sociedade máis saudabel e sostibel, imos analizar as características e repercusións do noso traballo, a nosa actividade, en nós mesmos e na nosa contorna. Para centrar o debate definín as características principais que debería reunir ese traballo “perfecto”, bautizado provisionalmente como altertraballo (outro traballo, outro estilo de traballar):
O altertraballo é unha aposta por realizar o traballo que realmente nos gusta, o tempo que nós consideremos oportuno e deixando suficiente espazo para o noso lecer; que estimula a nosa creatividade e axúdanos a desenvolvernos persoalmente. Un traballo polo que nos sentimos respectados e xustamente valorados, suficiente para manter unha vida digna, realizado coa calma e dedicación necesarios; un traballo no que depositamos a nosa confianza para unha vida de satisfaccións e prosperidade.
Estes son os puntos principais desta nova forma de entender o traballo:
Decálogo do altertraballo
- As persoas teñen dereito a estudar e realizar o traballo que prefiran e para o que están máis capacitadas, en proveito seu e da súa comunidade, e esta debe garantir os medios para o bo desenvolvemento do seu labor, saíndo ambas beneficiadas.
- Traballarei no que máis me gusta, priorizando a miña satisfacción, a gañar máis diñeiro da forma que sexa.
- O traballo debe ser capaz de estimular a nosa creatividade e desenvolvernos como persoas.
- Dedicarei á miña xornada o tempo xusto e deixando o espazo necesario para min, a miña familia e os meus amigos/as.
- Realizarei o meu traballo con calma, agarimo e coñecemento, para que sexa proveitoso de verdade e poida sentirme orgulloso/a de el.
- Un traballo debe ser suficiente para manter unha vida digna e unha garantía para o meu futuro.
- Todos os traballadores/as son necesarios, desde o obreiro até o dirixente da empresa, e se relaciónan para beneficiarse mutuamente. Por tanto todos/as teñen a mesma importancia e deben ser xustamente valorados e respectados, e recompensados equitativamente.
- Todas as persoas están capacitadas para realizar algunha tarefa, desde os nenos axudando, até os anciáns ensinando, así que deben responsabilizarse de facela como único xeito de obter o seu sustento. Ninguén está lexitimado para vivir sen achegar algo útil á súa comunidade. Os conceptos modernos de xubilación ou vacacións apártanse das leis da natureza e deben ser revisados.
- O meu traballo debe servir para construír un mundo mellor, máis solidario e sostible e non para crear máis miseria, consumismo e problemas ambientais.
- Son preferibeis as tarefas que resolven as nosas necesidades esenciais e facilitan a autosuficiencia (produción de alimentos, cociña, autoconstrucción, fabricación de ferramentas, etc.), pois fomentan a sustentabilidade e teñen xa que logo unha consideración ética superior (altertraballo sostible).
- O altertraballo é unha actitude, un camiño máis que unha meta. O meu traballo non será sempre tan bo como quixese, pero manterei unha mentalidade positiva para atopar a mellor alternativa para dedicarme ao que desexo.
Fonte: evolucionlibre.net

Novas

