Presentación

Marful proponnos unha cocteleira inspirada nos ritmos que soaban nas vilas galegas, entre os anos 30 e 50, nos salóns de baile e nos cafés cantantes. Unha época musical marcada polos ritmos de tradición americana que cohabitaban coa música popular e a canción melódica. Música elegante para unhas letras persoais e irónicas, letras en femenino feitas pola propia Ugia Pedreira e por escritores como Anxo Quintela, Ricardo Carvalho Calero, Olga Nogueira, Manolo Pipas ou o francés Jacques Prévert.

Marful
© ff06

O interese pola expresión musical nesas décadas de cambio social e a confluencia entre a música rural e a urbá tinxen esta proposta de Marful facendo que sexa unha peculiar interpretación da música urbana con sabor a porto, a casa de indianos, a emigración, etc.

Twist, tangos, habaneras e pasadobles forman este particular universo, cunha posta en escena que busca a emoción no fío da ambigüidade e o resultado en calquera caso é unha elegancia irreverente.

Marful, con Ugia Pedreira á fronte e con Pedro Pascual (acordeón diatónico), Pablo Pascual (clarinete baixo) e Marcos Teira (guitarra), presentan o seu primeiro disco, cun proxecto que abre xanelas na actual música de Galiza. Con eles colaboran Luis Alberto Rodriguez (batería) e Xacobe Martinez (contrabaixo).

Tres grandes músicos e unha voz conmovedora -coñecidos e recoñecidos pola súas carreiras artísticas individuais- xúntanse nun disco inspirado nos carnés de baile cunha inequívoca vocación contemporánea.